domingo, 8 de maio de 2011

Na primavera, árbores para o noso cole

Esta semana veu ao cole o equipo de xardinería do obradoiro do Concello.
Viñeron cargados de primavera!
Trouxeron unhas árbores que se chaman liquidámbar, e tamén tullas e camelias.
Explicáronnos como se facía para plantar árbores, e os coidados que precisan.
Despois, deixáronnos traballar a nós...fixémolo moi ben!
Para semellantes artistas, non podía ser menos que que viñese a tele gravarnos. Así que saímos no Canal Rías Baixas.
Por se non fose abondo, trouxéronnos cadanseu regalo: sementes de céspede e zinnia que plantamos nun cacharriño de iogur para levar para casa.
E unha litosperma para a nosa clase.
Viñan ou non cargados de primavera?

sábado, 9 de abril de 2011

Vellos oficios: cordas

Preséntovos a José, un artesán de Aguiño que botou media vida facendo cordas.
Coñecémolo o curso pasado, cando estivemos na de Mingos, vendo como é un obradoiro de dornas.
Naquela ocasión, José explicounos un pouco por riba como ía o asunto ese das cordas, pero xa non nos quedaba moito tempo, e convidounos a facerlle unha visita máis adiante.
Ese máis adiante materializouse onte. Alá fomos todo 4º aprender unha inesquecible lección sobre un deses oficios que o plástico deixou a un lado.
Dá mágoa pensar que toda esa sabedoría se perde. Sería fenomenal que esta xente tivese un lugar onde transmitir os seus coñecementos, que fan parte da nosa historia.
Como non podíamos facer outra cousa, abrimos ben os ollos. Tamén o da cámara. Aquí vos queda o documento gráfico. Un pouco chapuzas, pero...unha non é moi artista nisto do vídeo, non...que se lle vai facer.
Grazas, José!

segunda-feira, 4 de abril de 2011

Poema dominó á forma de Brossa

Na clase fixemos un poema dominó á forma de Brossa.
Joan Brossa foi un poeta catalán. Naceu en Barcelona en 1919 e morreu en 1998. Foi fundador dunha revista chamada Dau al Set.
Brossa escribiu máis de oitenta libros de poemas, con distintas formas: de dominó etc...
Nós inspirámonos nun poema do libro La piedra abierta, de onde sacamos a idea do poema dominó.
Aqui vos deixo os nosos poemas:

sábado, 2 de abril de 2011

Chegan as cartas de Lleida

Onte recibimos as cartas dos nosos amigos e amigas de Lleida. Enviáronnos tamén un libro de poesías sobre a Paz, dous xogos do tres en raia, caretas, un abecedario, fotos dos seus xogos populares, agasallos...
que ganas temos de que chegue maio para coñecelos en persoa.

segunda-feira, 21 de março de 2011

Día da Poesía

Hoxe celebramos o día da poesía. Estivemos investigando a Lois Pereiro, o escritor de Monforte de Lemos ó que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. Descubrimos a súa poesía e fixemos con ela dibuxos poéticos.

quarta-feira, 9 de março de 2011

Unha de celtas

Dádesme pena, con esa cariña de: "Veña, porfi, ponnos algunha foto do día do desfile!!!"
Bueeeeeeeeeeeeeno, alá vai logo.
Unha de celtas acicalándose.

quarta-feira, 2 de março de 2011

O día da verza

Estavos gustando a semana surrealistantroida do cole?
Hoxe foi o día da verza.
E nós aproveitamos as hortalizas que trouxemos para divertirnos un pouco creando.
Non somos Arcimboldos nin Warners, pero...e o ben que o pasamos?
Queda constancia nas fotos.