sexta-feira, 21 de maio de 2010

De paseo por Aguiño



Hoxe recibimos a esperadísima visita das nenas e nenos do cole de Porto do Son. Digo esperadísima, porque estaba prevista para o luns, día 10, pero como o tempo ameazaba con botarnos enriba caldeiros de auga, decidimos pospoñela.
Foi estupendo volver a contar coa súa presenza.
Fixemos un percorrido que empezou na igrexa, para logo pasar polo obradoiro de dornas de Domingo Ayaso, o Carreiro, o estaleiro, a lonxa, e a illa de Sálvora...vista dende terra, claro.
Finalmente fomos ao parque, relaxarnos un pouco, que tanta camiñada e tanto calor estábannos deixando feitos puré!!! Aínda que no folleto puxéramos que remataríamos no parque de Ferrer, finalmente fomos ao que está ao lado da Aula de Música do Concello. Que alí hai un pouco de sombra, e agradécese.
Tivemos tamén unha actividade inesperada, que resultou todo un éxito. Un veciño de Domingo, que nos viu no seu obradoiro, díxonos se queríamos ver como se fan as cordas. El botou media vida traballando niso...
Veredes, nas fotos, a roda enorme que, coas súas voltas, fai que se vaian enredando os fíos para formar unha corda.
A esta que vos fala, que nunca tal vira, resultoulle sorprendente. E xa medio "feiramos" unha próxima visita (terá que ser no curso que vén!) para ver todo o proceso: dende o esparto ata a maroma.
Que vos parece se, na próxima semana, elaboramos unhas entradiñas dicindo cadaquén que foi o que máis lle gustou?
Aquí vos espero!

A Píllara.

Um comentário:

  1. é marabilloso ver que ainda quedan persoas que poden vivir dun oficio tradicional,
    iso indica que se seguen a utilizar as cousas que eles fan, e tamén significa que ainda non foron engulidos polas grandes compañías que xa fan eles todo o que haxa que facer, e mesmo nos fabrican as necesidades que nós imos ter!

    ResponderExcluir