domingo, 13 de fevereiro de 2011

De ben nacidos



É de ben nacidos ser agradecidos.
Seguro que o escoitastes máis dunha vez.
Por iso, que menos que agradecer dende esta páxina o detalle que, nestes tempos de crise, tiveron con nós os establecementos que aportaron o material para a cesta de antroido coa que, a persoa á que lle toque, poderá facer un suculento prato como o que ilustra esta entrada.
Así pois, grazas, supermercado Covirán; grazas, carnicería Manolo, e grazas froitería Raibal.
E, como non, grazas á ANPA deste cole, que sempre están aí cando fan falta, para botar unha man.

Grazas e...que aproveite!

sábado, 12 de fevereiro de 2011

Cesta de antroido

Xa están no forno as rifas da Cesta de Antroido que imos sortear para xuntar cartos para a nosa excursión ARCE-TECEREDES.
A cesta vai completa, ten desde material para facer un bo cocido ata o preciso para o amoado das filloas.
Mirade que guapas quedaron as rifas:



Para a semana empezamos a vendelas.
Apurade, non vaiades quedar sen elas!

segunda-feira, 7 de fevereiro de 2011

Un peixe cun sorriso

Alguén me mandou este precioso vídeo sobre un peixe, que dá para reflexionar sobre a liberdade e sobre a relación das persoas cos animais.
Está subtitulado en chinés, pero estou segura de que o ides entender igual...
Espero que o disfrutedes coma min.
Aquí vos queda.

quarta-feira, 2 de fevereiro de 2011

Xogos pola paz

Esta semana, como en moitos coles, celebramos o día da paz.
Celébrase oficialmente o 30 de xaneiro, por ser ese o día no que morreu asasinado Gandhi, un home hindú que predicou a non violencia.
Coa idea de mellorar un pouco as relacións entre os dous cuartos, decidimos celebralo facendo xogos cooperativos conxuntamente
Así que fomos para o ximnasio e alí xogamos á botella borracha, á cinta transportadora e ao verme. Tamén fixemos un símbolo da paz con sementes: mentres unhas persoas ían buscar as sementes e as traían aspirando cunha palliña, outras íanas pegando enriba do símbolo da paz.
Velaquí o resultado:



E, se pinchas enriba, accedes ao álbum onde están as outras fotos

sábado, 22 de janeiro de 2011

Urpi

Ata a semana pasada, para nós a palabra quechua tiña un só significado: marca dunha coñecida tenda de deportes.
Agora, despois da visita do profesor peruano Honorato, e de todo o que nos contou acerca da súa cultura e o seu país, sabemos que quechua é unha lingua fermosa que se fala dende hai moitísimos anos.
Honorato está a facer un traballo de investigación sobre o uso das linguas maternas en distintas partes do mundo. Por iso nos visitou, para comprobar en que medida en Galicia se conserva a nosa lingua nai.
Quedou encantado de ver o ben que nos expresábamos en galego.
Para rematar, cantounos unha canción en quechua. Fala da soidade dunha urpi (pomba). Queredes escoitala? Aí vos vai:

terça-feira, 21 de dezembro de 2010

O Apalpador de novo en Aguiño

Ao igual que o ano anterior, o Apalpador non esqueceu o cole de Aguiño á hora de facer o seu recorrido por Galicia.
Aquí vedes o recibimento que se lle fixo no noso cole:

segunda-feira, 13 de dezembro de 2010

ANELAMENTO DE AVES

Hai uns días fomos de excursión, a anelar paxariños.Manu foi noso guía, é ornitólogo, que significa especialista en paxaros.Tamén foi a nai de Aida porque Aida tiña un pé mal, e necesitaba un pouco de axuda.

Vouvos explicar o que nos ensinou Manu:
  • Primeiro ensinounos unhas redes que puxera para coller os paxaros.Polo camiño explicounos cousas como....... Como é a casa dun rato, dun raposo e moitas cousas máis, follas de árbores (de que árbore eran), que son os bosques, distinguir árbores plantadas por nós das que nacen silvestres...
  • Despois ensinounos como caían os paxaros nas redes, e como desenganchalos. Fomos a unha mesa e díxonos o nome de cada paxaro, ensinounos a distinguir un paxaro macho dun paxaro femia, e como se lle poñía o número nas patas.....
  • E por último fomos para o autobús para ir para o cole. Logo, algúns que non merendaran, merendaron; e os que si, puxéronse a facer unha redacción como esta.
E aquí veredes as fotos da excursión: