quinta-feira, 29 de outubro de 2009

Golfiños na proa



Hoxe achegámonos a Ribeira para visitar "Golfiños na proa", unha exposición itinerante que percorre dende hai algún tempo as costas galegas.
Na súa bodega, tivemos ocasión de ver os ósos de diversos mamíferos mariños, así como o feto dun golfiño, que morreu canda a nai, falecida por inxestión masiva de plásticos.
Isto levounos a reflexionar acerca da necesidade de termos máis coidado cando saímos e non tirar plásticos; e, como non, prescindir do uso de materiais de plástico sempre que poidamos. Ou acabaremos afogando ao planeta enteiro en plástico!
Ademais de aprender moitas cousas sobre os mamíferos mariños, ensináronos tamén algunhas das ferramentas que se usan para o goberno do barco.
O veleiro é precioso. Entráronnos unhas ganas de navegar...

terça-feira, 27 de outubro de 2009

En novembro, maio



Andamos a preparar o calendario para o ano que ven.
Ao grupo de 3º A, tocounos o mes de maio, que deberemos ilustrar a partir dun poema de Edelmiro Vázquez Nadal, Muller mariña.
O poema, a pesares de ter un vocabulario un pouco difícil para nós, deixounos ben claro que temos que ilustrar maio cunha muller deitada preto do mar...
Probamos a debuxar, e vemos que non é nada fácil debuxar o corpo dunha persoa. Temos que practicar máis!
Animádesvos a posar para esta tropa de aprendices de Picasso, na casa?
Déixovos unha presentación cuns cantos cadros de mulleres deitadas, para que lles sirvan de fonte de observación e inspiración.
A traballar!
Que no mes de novembro temos que deixar maio listo!

segunda-feira, 26 de outubro de 2009

O día da froita


Queremos ser nenos sans e fortes, por iso todos os xoves celebramos o Día da Froita. Trátase de traer froita, polo menos un día á semana, para o recreo. Cada un de nós que trae froita, firma no Libro da Froita, e regálannos un autocolante dunha froita, coa que podemos decorar os nosos cadernos. Recordade para estar sans e fortes A COMER FROITA!!!!!!






Os nenos de 3º comenzamos o curso cunha saída a Ribeira. Participamos en Contos Falados. Alí presentáronnos a Odisea, o libro do gran guerreiro grego Ulises, no que se contan as súas andainas. Regaláronnos un libro para cada un, e un troquel da súa nave. Na clase estamos a ler o libro, a pesar de que ten moitas personaxes, gústanos moito e de paso coñecemos aos deuses gregos. Remataremos facendo debuxos dos personaxes e reconstruíndo a súa nave.

sexta-feira, 9 de outubro de 2009

Ola!




Ola!
Este blog é o recuncho na rede do alumnado de terceiro do CEIP de Aguiño.
Pretende ser lugar de encontro entre a escola e as familias, ferramenta de aprendizaxe e comunicación para o alumnado, lugar de creación e encontro.
A ave que vedes na imaxe, e que dá nome ao blog, é a píllara papuda. Un animal que en Galicia vese en perigo de extinción, por culpa da alteración do seu hábitat.
Nós, que non queremos que desapareza (na variedade está o gusto!) fixémoslle sitio aquí, no noso recuncho, para que nos faga compañía.
E para recordarvos -e recordarmos- a importancia da nosa actitude cara o medio ambiente, de cara a conservar esa inmensa riqueza que supón a diversidade.