quarta-feira, 23 de dezembro de 2009

segunda-feira, 21 de dezembro de 2009

O APALPADOR DESÉXAVOS BO NADAL

BO NADAL! Para todos os nenos e nenas, pais e nais do colexio de Aguiño e en especial para os de 3º. Premede no vídeo e poderedes ver o vídeo que prepararon os profes sobre min. Pinchade aquí para ver as vosas fotos co Apalpador.

sexta-feira, 18 de dezembro de 2009

Madre Tierra

Aquí vai outro videoclip moi interesante, o seu autor faise chamar Macaco e o título do videoclip é Mother Earth. Botádelle unha ollada!

quinta-feira, 17 de dezembro de 2009

Ska de la Tierra

Hoxe estivemos vendo un video sobre o cambio climatico. Despois estivemos vendo un video de Bebe, Ska de la Tierra.
¡Deixámolo aqui a ver se vos gusta!


Se queres ver a letra pincha aquí.

quinta-feira, 10 de dezembro de 2009

Día Internacional dos Dereitos Humanos


Hoxe celebramos o Día Internacional dos Dereitos Humanos. O 10 de decembro de 1948 a
Asamblea General de las Naciones Unidas adoptou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que recolle os dereitos humanos considerados básicos, dereitos como o dereito á vida, a abolición da esclavitude, o dereito a non ser torturado... dereitos que hoxe en día aínda non son respectados en moitos países, parece incrible, verdade?
No cole vimos unha peli, Kirikú e a Bruxa, que nos sitúa nunha pequena aldea africana na que unha bruxa tiraniza os seus habitantes, o mesmo que acontece aínda nalgúns paises.

Dia da Violencia de Xénero


O pasado 25 de novembro, celebramos no colexio o Día Internacional da Violencia de Xénero. Escribimos en cartolinas palabras relacionadas coa violencia de xénero e construímos unha espiral con elas. A violencia de xénero é un proceso espiral que comeza dunha maneira soterrada e pouco a pouco se convirte nunha espiral. Os xoves temos o desafío de romper a espiral de violencia.

quarta-feira, 9 de dezembro de 2009

Un traballo sobre a xestación



En 3º A levamos xa bastante tempo traballando nun proxecto sobre a xestación humana. Recollemos datos de moitos sitios, consultamos libros e internet, tomamos notas, intentamos sacar o máis importante delas, e despois, por parellas, fixemos cadansúa diapositiva. Bueno, houbo parellas máis espelidas que fixeron dúas!
A profe xuntounas todas, e púxolle principio e final...e aí tendes o resultado.
A ver se vos gusta!

quinta-feira, 3 de dezembro de 2009

Hai que ser responsable co medio ambiente


Hoxe fomos ver un vídeo a audiovisuais e o vídeo contaba que había que ser responsable do medio ambiente.
Por exemplo cando estas lavando os dentes non deixar a ducha aberta nin a billa, e non deixar a televisión acesa.
Aquí vos deixo o vídeo, espero que o disfrutedes e que fagades o que sae no vídeo.

quarta-feira, 2 de dezembro de 2009

A NAVE DE ULISES


Xa hai un par de semanas que rematamos de ler a Odisea, e comenzamos a montar o troquel da súa nave. Que Odisea montar a nave de Ulises! Casi nos leva tanto tempo como a Ulises regresar a Ítaca, pero ó final conseguímolo! Picha na foto e verás.

RECEITAS NOXENTAS




Onte na clase fixemos receitas noxentas.

Fixemos así:

Primeiro pensamos que receita facer. Fixémolo por parellas. Primeiro puxemos os ingredientes, despois a preparación.

As receitas tiñan que levar un vexetal, unha salsa e un artrópodo.

E tamén lle tíñamos que poñer titulo.

Aquí vai a primeira receita.

terça-feira, 17 de novembro de 2009

Nós

En terceiro A levamos unha temporada traballando na nosa descrición. Na aula de informática, fixemos cadanseu documento cunha foto nosa, e escribimos cousas acerca de nós.
Levounos tempo, eh? Non é tan fácil! Hai que aprender a crear carpetas, a abrilas, a gardar cousas nelas, a inserir unha imaxe nun documento...
Agora podedes ver aquí o resultado:



Quedounos un libro chulo, non si?

segunda-feira, 9 de novembro de 2009

Un día na ópera

A ópera "A Cincenta", da que hoxe disfrutou o alumnado do segundo ciclo do noso cole, é unha adaptación da ópera orixinal A Cenerentola de Gioachino Rossini. Nesta ocasión foi dirixida por Joan Font (director de "Comediants") levando a cabo unha versión sinxela e divertida, de xeito que poida ser comprensible para estas idades.
Esta función enmárcase dentro do ciclo de concertos didácticos do Auditorio de Galicia.
A ópera diferénciase nalgúns aspectos do conto de Perrault.
Así, por exemplo, Rossini elimina os elementos máxicos -aínda que temos un ratiño que fai de narrador-, e potencia as virtudes e defectos da condición humana; Cincenta non ten que marchar do baile ás doce da noite; e a madrastra é substituída neste caso por Don Magnífico, personaxe que permite a Rossini reflectir a ambición e cobiza humanas.
A obra gustou, e entendeuse bastante ben, así que, como primeira aproximación ao mundo da ópera, foi un éxito.
Como chegamos a Compostela un pouco antes do comezo, aproveitamos para dar un paseíño, e ver un pouco Santiago e os artistas que poboan as súas rúas: un gaiteiro, un músico que tocaba un estraño instrumento australiano chamado didgeridu, un pintor...todo chamaba a nosa atención.
Se pinchades na foto da ópera, accederedes ao álbum no que recollemos as imaxes que dan conta do noso paseo.

sábado, 7 de novembro de 2009

Chegou o Magosto


O pasado venres celebramos o Magosto no cole. Comemos castañas asadas, que boas estaban! As nais da AMPA do colexio agasalláronnos cun refresco e rematamos bailando e cantando o son do acordeón do profe Telmo. Foi unha magoa que choveu e non puidemos participar en xogos populares, pero outro ano será.
O Magosto é unha festa tradicional galega, para destacar a importancia que tivo a castaña na vida dos galegos fai anos atrás. Este froito comezouse a utilizar dende o paleolítico e coa chegada dos romanos, estendeuse o seu cultivo e converteuse na base da alimentación da poboación, pero no século XVI coa chegada da pataca e o millo dende américa, as castañas perderon o seu protagonismo na alimentación.

terça-feira, 3 de novembro de 2009

O Samaín


No cole celebramos o Samaín, unha festa celta.
Os celtas foron un pobo que habitou en Galiza fai 2600 anos aproximadamente. O Samaín era a celebración do Ano Novo Celta que comenzaba na estación oscura. Era unha festa de transición dun ano a outro e tamén a apertura do outro mundo, o mundo dos mortos, xa que se facía accesible aos mortais podendo pasar a formar parte del mediante un feitizo ou meigallo. Cando chegaba a celebración do Samaín, os celtas colocaban nos arredores dos seus castros e nos cruces dos camiños as caveiras dos inimigos mortos cunha candea acendida dentro, co obxetivo de arrepiar os seus inimigos e exconxurar os perigos da celebración.
Nós para espantar os nosos inimigos baleiramos e decoramos cabazas con motivos arrepiantes.

quinta-feira, 29 de outubro de 2009

Golfiños na proa



Hoxe achegámonos a Ribeira para visitar "Golfiños na proa", unha exposición itinerante que percorre dende hai algún tempo as costas galegas.
Na súa bodega, tivemos ocasión de ver os ósos de diversos mamíferos mariños, así como o feto dun golfiño, que morreu canda a nai, falecida por inxestión masiva de plásticos.
Isto levounos a reflexionar acerca da necesidade de termos máis coidado cando saímos e non tirar plásticos; e, como non, prescindir do uso de materiais de plástico sempre que poidamos. Ou acabaremos afogando ao planeta enteiro en plástico!
Ademais de aprender moitas cousas sobre os mamíferos mariños, ensináronos tamén algunhas das ferramentas que se usan para o goberno do barco.
O veleiro é precioso. Entráronnos unhas ganas de navegar...

terça-feira, 27 de outubro de 2009

En novembro, maio



Andamos a preparar o calendario para o ano que ven.
Ao grupo de 3º A, tocounos o mes de maio, que deberemos ilustrar a partir dun poema de Edelmiro Vázquez Nadal, Muller mariña.
O poema, a pesares de ter un vocabulario un pouco difícil para nós, deixounos ben claro que temos que ilustrar maio cunha muller deitada preto do mar...
Probamos a debuxar, e vemos que non é nada fácil debuxar o corpo dunha persoa. Temos que practicar máis!
Animádesvos a posar para esta tropa de aprendices de Picasso, na casa?
Déixovos unha presentación cuns cantos cadros de mulleres deitadas, para que lles sirvan de fonte de observación e inspiración.
A traballar!
Que no mes de novembro temos que deixar maio listo!

segunda-feira, 26 de outubro de 2009

O día da froita


Queremos ser nenos sans e fortes, por iso todos os xoves celebramos o Día da Froita. Trátase de traer froita, polo menos un día á semana, para o recreo. Cada un de nós que trae froita, firma no Libro da Froita, e regálannos un autocolante dunha froita, coa que podemos decorar os nosos cadernos. Recordade para estar sans e fortes A COMER FROITA!!!!!!






Os nenos de 3º comenzamos o curso cunha saída a Ribeira. Participamos en Contos Falados. Alí presentáronnos a Odisea, o libro do gran guerreiro grego Ulises, no que se contan as súas andainas. Regaláronnos un libro para cada un, e un troquel da súa nave. Na clase estamos a ler o libro, a pesar de que ten moitas personaxes, gústanos moito e de paso coñecemos aos deuses gregos. Remataremos facendo debuxos dos personaxes e reconstruíndo a súa nave.

sexta-feira, 9 de outubro de 2009

Ola!




Ola!
Este blog é o recuncho na rede do alumnado de terceiro do CEIP de Aguiño.
Pretende ser lugar de encontro entre a escola e as familias, ferramenta de aprendizaxe e comunicación para o alumnado, lugar de creación e encontro.
A ave que vedes na imaxe, e que dá nome ao blog, é a píllara papuda. Un animal que en Galicia vese en perigo de extinción, por culpa da alteración do seu hábitat.
Nós, que non queremos que desapareza (na variedade está o gusto!) fixémoslle sitio aquí, no noso recuncho, para que nos faga compañía.
E para recordarvos -e recordarmos- a importancia da nosa actitude cara o medio ambiente, de cara a conservar esa inmensa riqueza que supón a diversidade.